Despertemos

Despertemos

Despertemos.

Son momentos de incerteza, o panorama musical está ameazado, esta pandemia está a acabar co pouco que tiñamos.

¿E se non fóra así? ¿E se esta situación fose o empuxón que necesitabamos para poñernos no noso sitio como traballadores, como persoas?

Estaría ben ser capaces de recoñecer que algo de culpa temos en todo isto. Permitimos ao empresario tomarse a lei pola súa man e poucos fomos os que nos queixamos cando se nos foi privando dos nosos dereitos.

Os nosos dereitos, ¿sabedes que os temos? ¿Alguén se molestou en ler o convenio? Ah! Que é máis sinxelo queixarse, que o convenio non vale, que o convenio non se cumpre e, quizais a que máis me sorprende, que non temos convenio.

Sinceramente, creo que é o momento de recapacitar. Temos convenio, aínda que é certo que algunhas partes poden modificarse e mellorar, o convenio si vale. Nel están reflectidos tanto os nosos dereitos como os nosos deberes (si, temos deberes como calquera outro traballador) e o convenio simplemente non se cumpre porque a ninguén se lle ocorre denunciar, exacto, denunciar. Estou farta de ver abusos, mesmo vivilos, e podo afirmar que o máis perigoso de todo isto é que normalizamos tanto a situación que se dá por feito que o que o empresario di vai a misa. Pero de verdade que hai casos que me  enervan, casos nos que tan culpable é o empresario como os traballadores que gardamos silencio, falando con varios compañeiros das súas vivencias non podo comprender como permitimos todo isto.

Comezaron suprimindo as dietas e calamos; suprimiron as comidas os días de ensaios (ensaios que no meu caso xamais se cotizaron), e calamos; quitáronnos o “privilexio”, por que non o ven como unha necesidade, de durmir fora cando son demasiados os quilómetros de volta e ninguén se opón, incluso algunha vez pagamos pernoita do noso peto, verdade? Temos que estar de acordo en que colaboramos en todo isto e moito máis.

Hai situacións que rozan o surrealismo, que van máis aló, como o caso no que o xefe che desconta do teu soldo o paro que estás a percibir (estes son casos reais aínda que pareza pura fantasía), iso si, faiche o favor de descontarcho no verán non sexa que pases penurias no inverno (nótese a ironía).

Tamén está o típico caso da nova fichaxe, un  chavalito ou  chavalita novo que non sabe de que vai isto. Como está a empezar e ten que aprender, evidentemente para o xefe, o do soldo está claro, unha miseria por realizar o mesmo traballo que o resto e ademais a obrigación de custearse o seu material, aquí chega o xefe (outra vez) e faille o favor da súa vida. Cómpralle o material e xa llo descontará no verán. Que típico. Este favor previsiblemente botaracho en cara cando vexas algo inxusto e recrimínesllo, coñecidas tácticas de manipulación…

Outro caso deses nos que non sabes se chorar ou matar a alguén, outro novato. Como é inexperto ten que ensaiar máis que o resto, está claro cobrando menos, e atópase ademais coa sorpresa de que ten que pagar o local de ensaio.

Todo isto conseguímolo xuntos, mantendo un silencio unánime permitimos toda clase de abusos. Creo que xa é hora de gritar, hora de facer as cousas ben, de informarse correctamente e plantarlle cara a todas estas irregularidades das que consciente ou inconscientemente fomos cómplices, que esta situación de vulnerabilidade á que nos arrastrou esta pandemia fáganos abrir os ollos, fáganos espertar. Tentemos entre todos que esta situación nos una e nos leve a un futuro onde podamos ser escoitados e onde esteamos protexidos.

Deixa unha resposta

Share via
Send this to a friend